O concello de Dumbría está xeograficamente situado entre o remate da Galicia continental e a costeira. Os elementos definidores son as concas fluviais e os montes que as delimitan ou separan do mar. Así as parroquias de Olveira e Olveiroa ocupan o fondo do val que forma o río Xallas, e Salgueiros no do río Castro; mentras que Buxantes aséntanse na encosta dun estreito val; Dumbría ou Berdeogas están case no medio de vales pechados e Santa Uxía do Ézaro á sombra dos montes que a separan do mar, agás o propio pobo do Ézaro, que se asentou sobre o areal, mesmo onde o Xallas se funde co mar.
Un dos elementos característicos da xeografía de Dumbría é o río Xallas, que uns kilómetros antes da súa desembocadura se encaixa entre os montes e chega ao mar formando unha impresionante fervenza. Este fito natural sempre chamou a atención. Así, nun documento de 1724 dise que a fervenza orixinaba tanta escuma que formaba “densissimas nubes utiles a los navegantes, que a distancia de muchas leguas las reconocen, para no dudar la costa en que se hallan”.
Frei Martín Sarmiento, no seu libro “ Viaje a Galicia” de 1745 fala da impresión que lle causou a desembocadura do río Xallas no Ézaro. Tamén Manuel Murguía describe esta fervenza como un dos máis fermosos espectáculos que poidan presenciarse en Galicia.
Actualmente os encoros xa forman parte da riqueza paisaxística municipal, dando lugar a paraxes de singular beleza, como os de Fervenza, Ponte Olveira, Castrelo ou Santa Uxía.