Ir a páxina principal de Dumbría | castellano |
A historia de Dumbría
ConcelloServiciosHistoria e patrimonioNaturezaTurismoO camiño a Fisterra e MuxíaGaleríaDirectorio
Arqueoloxía
Arquitectura civil
Arquitectura relixiosa
Etnografía
Historia

Castro de BerdeigasAs terras de Dumbría teñen un rico pasado histórico e foron habitadas desde moi pronto, como o demostran as diversas pegadas dos tempos prehistóricos. O monumental dolmen de Pedra da Arca é un magnífico exemplo da arquitectura megalítica; o petroglifo de Pedra Ancha é unha interesante mostra da arte ao aire libre da Idade de Bronce. Pero ao carón destes interesantes bens culturais atopamos salteando a paisaxe varias mámoas, como as situadas perto da ermida de San Pedro Mártir ou as escavadas ao lado da estrada C-552 en Bustelo, o que nos falan dun habitar intenso durante a Prehistoria.

A presenza humana tamén é patente no período da cultura castrexa. Destacan os castros das Teixoeiras, o Castelo de Logoso, o castro de Regoelle, o de Berdeogas ou o de Alvarellos.

San Pedro de BuxantesXa nos tempos medievais Dumbría aparece mencionada pronto nos documentos. Así, nunha relación de parroquias da entón diócese de Iria e nun texto denominado documento de Tructinio, datado no ano 868, aparece citada Santa Eulalia in Donobria, o que os historiadores identifican claramente coa actual Dumbría. Na baixa Idade Media as terras de Olveira e Olveiroa aparecen vinculadas aos dominios do bispo compostelán, e nesta última localidade tiñan unha torre de defensa, ou casa forte, para controlar o paso sobre o río Xallas. Olveiroa é unha aldea que aínda conserva trazas dun urbanismo de orixe medieval. A parroquia de Buxantes pertencía a San Martiño Pinario, xunto co mosteiro de Moraime (Muxía).

Dumbría tamén está vinculada á rota xacobea. Xa dende comezos do século XIII sabemos dun hospital ou albergue para peregrinos na aldea de Hospital que fora doado polo seu fundador ao cabido compostelán.

San Martiño de OlveiraNo Antigo Réxime a maioría das parroquias de Dumbría pertencían á xurisdición de Corcubión, rexentada polo conde de Altamira.

Durante a Guerra de Independencia as tropas francesas cruzan o río Xallas por Ponte Olveira camiño de Cee e Corcubión, derrotando a cativa resistencia que lle puxeran os guerrilleiros e, despois, destrozando as aldeas de Olveiroa e Hospital e matando a moitos dos seus habitantes, tamén queiman o lugar da Fonte Santa. Un dos líderes guerrilleiros era o párroco de Santa Uxía do Ézaro.

A comezos do século XX instánlase ao pé do Xallas as primeiras centrais hidroeléctricas da zona, que levarían a que este sexa un dos ríos máis aproveitados para a produción eléctrica.

Petroglifo de Pedra Ancha
Petroglifo de Pedra Ancha
Concello de Dumbría
Estrada de Dumbría s/n
T. 981744001 | F. 981744031