Ir a páxina principal de Dumbría | castellano |
O camiño en Dumbría
ConcelloServiciosHistoria e patrimonioNaturezaTurismoO camiño a Fisterra e MuxíaGaleríaDirectorio
O camiño a Fisterra e Muxía

O camiño de Santiago é unha rota de peregrinación até a tumba do Apóstolo.

Historicamente moitos peregrinos, unha vez chegados a Compostela, proseguían unhas xornadas máis até Fisterra ou Muxía, atraídos, entre outros motivos, polo desexo de ver o mar, desexo que debía ser grande especialmente nos que viñan dende lugares de Europa central e que nunca viran nin volverían ver a inmensidade do Océano.

Albergue de peregrinos en OlveiraEsta visión estaba reforzada pola idea da fin do mundo. Na actualidade son milleiros os peregrinos que seguen atraídos polo camiño de Fisterra ou Muxía.

O camiño actual atravesa as terras de Dumbría e aquí está a bifurcación para que o peregrino opte por ir primeiro a Fisterra ou a Muxía.

Para atender a demanda dos peregrinos abriuse en 2001 un albergue na aldea de Olveiroa, recuperándose varios edificios xa existentes e está proxectado outro na localidade de Dumbría, na variante a Muxía.

O Itinerario
Peregrinos facendo o camiño

O camiño entra nas terras de Dumbría por Ponte Olveira cando o peregrino realiza o último tramo da segunda etapa desta Prolongación Xacobea, a de Negreira a Olveiroa. Nesta localidade descansará desta longa etapa (35 km) no albergue de peregrinos. A imaxe de peregrinos sentados na porta do albergue ou no bar é algo xa habitual dende hai uns anos.

A etapa seguinte empeza en Olveiroa e sube polo monte Sino, deixando á esquerda o río Xallas que baixa aquí encaixado. Despois o itinerario segue por Logoso e Hospital cara onde está a factoría de Ferroatlántica. Aquí bifúrcase e o peregrino debe optar por ir á esquerda cara a Fisterra ou seguir de fronte cara a Muxía.

Cara a Fisterra o camiño vai polo alto dos montes de Buxantes e pasa ao pé do petroglifo de Pedra Ancha, polo cruceiro de Marco do Couto e polo santuario da Virxe das Neves, para deixar Dumbría camiño da capela de San Pedro Martir no veciño concello de Cee.

O camiño cara a Muxía baixa cara a capital do concello, cruza o seu núcleo urbano e deixa Dumbría camiño do santuario da Virxe de Aránzazu, en Trasufre (Muxía).

O cruceiro do Couto
O cruceiro do Couto
Concello de Dumbría
Estrada de Dumbría s/n
T. 981744001 | F. 981744031